GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, HELENA

Helena González Fernández (Vigo, 1967) é profesora titular de literatura galega na Universidade de Barcelona e investigadora do Centre Dona i Literatura; especializouse en poesía contemporánea e crítica literaria feminista. En 1999 defendeu a súa tese de doutoramento, " Mulleres atravesadas por unha patria. Poesía galega de mulleres entre 1975 e 1997 " . Entre os seus libros cómpre citar " Luís Seoane: vida e obra " (1994), " Unha lectura de Códice calixtino de Luz Pozo Garza " (Xerais, 1997), a edición crítica de " De catro a catro " (1998) de Manuel Antonio e " Rosalía feminista " (Xerais, 2019). Como antóloga preparou unha escolma da poesía de Rompente con Iris Cochón, " Upalás " (Xerais, 1998), " Rías de tinta " (1999) con Marta Segarra e Francesco Ardolino, e mais " A tribo das baleas " (Xerais, 2001), unha antoloxía trilingüe da poesía galega dos anos 90. Entre os seus artigos máis recentes salientan as colaboracións en " Escrita e mulleres. Doce ensaios arredor de Virginia Woolf " (2003), e mais na " Breve historia feminista de la literatura española " (en lengua catalana, gallega y vasca). Vol. VI(2000) coordinado por Iris Zavala. Forma parte do equipo de redacción dos catro volumes do " Diccionario da literatura galega " (1995-2004) dirixido por Dolores Vilavedra, e traduciu ao galego " Capital da dor " de Paul Éluard, con Laurence Brault. Pertence ao consello de redacción do " Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos " , onde colabora desde 1992 cunha panorámica anual de poesía, e mais " Lectora. Revista de Dones i Textualitat " . Na actualidade desenvolve o seu labor como crítica literaria en Grial. Foto autora: Ramon Moretó


Libros de GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, HELENA 1 libros.

ROSALÍA FEMINISTA


ROSALÍA FEMINISTA